Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

25 nov 2009

O director xeral de Conservación da Natureza clausurou o ciclo de conferencias Impactos ambientais: os bosques galegos

O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón Millán, clausurou esta tarde no salón de actos da Deputación de Lugo o ciclo de conferencias "Impactos ambientais: Os bosques galegos", celebrado en memoria do doutor Luis Asorey García. O relatorio de García-Borregón abordou o tema dos bosques nos espazos protexidos de Galicia. Na charla, o director xeral desenvolveu tres temas principais: A representación dos bosques no conxunto galego; a conservación da diversidade biolóxica e os eixos da política de Conservación da Natureza da Xunta. Este último punto resumiuno noutras tres liñas básicas de actuación: Conservación da biodiversidade; conservación e xestión dos espazos naturais protexidos e caza e pesca.

Evolución da superficie arborizada
Segundo explicou o director xeral, nos albores do pasado século vinte a superficie arborizada en Galicia non alcanzaba o 10% do total do territorio continental da Comunidade Autónoma. As políticas forestais e conservacionistas desenvolvidas ao longo dese século determinan que, na actualidade, as formacións arboradas ocupen un 36,4% da superficie galega, das cales o 11,20% corresponde a bosques naturais e o resto a superficies repoboadas. Ricardo Garcia-Borregón engadiu que a superficie ocupada por bosques naturais en Galicia estímase en 331.288 hectáreas, concentradas maioritariamente nas provincias de Lugo (163.965 ha) e Ourense (93.863 ha). Os diversos tipos de bosques amosan unha forte fragmentación territorial, quedando as áreas con maior cobertura concentradas na cunca do río Eume (na provincia da Coruña) e nas montañas dos Ancares e O Courel, na de Lugo. O titular de Conservación da Natureza destacou ademais que a superficie arborizada en Galicia concéntrase maioritariamente –a semellanza do que ocorre no resto da Unión Europea– en terreos de propiedade privada. Así, na nosa Comunidade a superficie forestal (que representa o 68,7% da área continental) distribúese entre propietarios privados nunha porcentaxe do 46,7%, mentres que a montes veciñais corresponde o 20,5% e a montes públicos só un 1,5%.

A Asociación Forestal de Galicia presenta as súas observacións ao Proxecto de lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia

A AFG presentou aos grupos parlamentarios, á Comisión Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia e aos conselleiros de Medio Rural e Economía e Industria as súas observacións ao Proxecto de lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.

Este novo proxecto de lei ten como obxectivo substituír o Decreto 242/2007 do 13 de decembro e nel como novidade aparece a creación dun canon eólico e un fondo de compensación ambiental que se nutrirá cos recursos derivados do canon e do que serán os seus principais beneficiarios os concellos que se atopen dentro da liña de delimitación poligonal dun parque eólico e tamén os afectados polas instalacións de evacuación.
No proxecto de lei tamén se recolle o procedemento de autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, a inclusión no réxime especial e inscrición no rexistro e un título dedicado a expropiación e servidumes.
A Asociación Forestal de Galicia, comprometida coa defensa dos intereses dos propietarios forestais galegos considera que nunha lei de regulamento do aproveitamento eólico de Galicia é imprescindible recoñecer os dereitos dos propietarios dos terreos onde se van instalar os parques eólicos, como axentes directamente afectados. En todo o proxecto de lei non se fai ningunha referencia aos mesmos.

A AFG solicita que na nova lei se teñan en conta os seguintes aspectos:
  • Que se compense aos propietarios dos terreos forestais onde se instalan os parques eólicos cunha porcentaxe xusta e razoable dos beneficios que xera a industria eólica, sendo esta a forma máis directa de reversión dunha parte dos resultados desta industria alí onde máis se necesita, contribuíndo á mellora ambiental que a lei propugna e que á súa vez serviría para dinamizar outros recursos axudando á capitalización e viabilidade das explotacións forestais e agrarias.
  • Que se amparen os dereitos dos propietarios dos terreos afectados pola implantación dos parques eólicos, evitando abusos por parte das empresas concesionarias e se poñan os medios precisos para facilitar os acordos de arrendamento.
  • Que se inclúan medidas específicas para evitar trámites de expropiación forzosa da propiedades afectadas pola instalación dos parques eólicos.
  • Que se empregue o fondo de compensación que se pretende crear entre os propietarios dos terreos lindantes e próximos aos parques eólicos e os residentes no seu contorno inmediato.
  • Que se inclúan entre as actuacións preferentes de investimento do Fondo de Compensación Ambiental: a mellora das infraestruturas forestais dos contornos dos parques eólicos, a construción de infraestruturas de loita contra incendios forestais e o financiamento de traballos silvícolas e melloras na xestión forestal sostible dos montes do contorno dos parques.
TEXTO COMPLETO

12 nov 2009

CHARLAS FORMATIVAS, SOBRE O VALOR DAS MATOGUEIRAS

A Federación Ecoloxista Galega en colaboración coa Xunta de Galicia organiza para o sábado 14 de novembro ás 18:00 horas no centro social das Achas (A Cañiza), unha charla formativa sobre matogueiras:

- Manexo sostíbel das matogueiras, Jesús de la Fuente Villar, enxeñeiro de Montes.

- As matogueiras: importancia, hábitats e especies, Xosé Luis Castro Baleato, biólogo especialista en biodiversidade e conservación.

Ademais, haberá unha visita guiada o vindeiro 22 de novembro á Mancomunidade do Val Miñor e CMVMC de Santiago de Covelo, xestión de biomasa forestal mediante compostaxe e manexo sostíbel de matogueiras.

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: