Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

11 ago 2010

Medio Rural inviste 6 millóns de euros no fomento da silvicultura nos bosques galegos

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes, vén de aprobar o investimento de preto de 6 millóns de euros para o fomento da silvicultura nos bosques galegos. Neste ano concédense 460 axudas para a execución de diversas accións silvícolas que mellorarán 5.503 hectáreas forestais de Galicia ao abeiro da Orde do 28 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases e se convocan para o ano 2010 as axudas para o fomento da silvicultura en bosques do medio rural.

A meirande parte das axudas aprobadas destinaranse á realización de podas en masas de coníferas e de tratamentos silvícolas de consolidación en masas de frondosas caducifolias. Así, das 460 axudas concedidas, 171 serán para podas en 2.511 hectáreas de masas de coníferas, cun investimento total de 2.787.311 euros; e 146 para tratamentos silvícolas de consolidación en 1.522 hectáreas de masas de frondosas caducifolias, cun investimento de 1.878.627 euros.

Medio Rural destinará outros 458.817 euros á rexeneración e mellora de 514 hectáreas de soutos de castiñeiro, con 51 solicitudes aprobadas, e 604.469 euros serán para a execución de clareos en 639 hectáreas rexeneradas de coníferas, con 48 solicitudes aprobadas. A Consellería concedeu tamén 44 axudas para tratamentos silvícolas en 317 hectáreas de masas de eucalipto para obter madeira de calidade, cun investimento de 255.405 euros.

Provincias
Segundo os datos da Dirección Xeral de Montes, a provincia que máis axudas recibe é Lugo, con 229 expedientes aprobados e un investimento de 3.218.843 euros para actuar en 2.763 hectáreas. Pontevedra e A Coruña, con 87 expedientes aprobados en cada unha delas, contan cun orzamento de 852.482 euros para actuar en 865 hectáreas, e 693.852 euros que mellorarán 738 hectáreas, respectivamente. En Ourense concedéronse 57 axudas que representan un investimento de 1.219.451 euros para actuar en 1.137 hectáreas.

Mellora silvícola
A través desta iniciativa, o departamento que dirixe Samuel Juárez, promove a mellora silvícola das masas forestais, con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas, o aumento da superficie forestal arborizada e a diminución do risco de incendios. Trátase tamén de obter montes arborizados con producións elevadas e de calidade, a prol da industria de transformación da madeira e de aproveitamentos complementarios. Ademais, a iniciativa busca promocionar a silvicultura como fonte de emprego para as persoas que viven no medio rural.

As persoas e entidades beneficiarias das axudas comprométense a manter a masa conforme as condicións de comprobación e a conservala durante cinco anos. No caso de tratamentos silvícolas en masas de eucalipto para obter madeira de calidade, para serra ou chapa, o compromiso de mantemento é dun mínimo de 25 anos. Asemade, os beneficiarios destas axudas deberán facilitarlle ao persoal adscrito á Consellería do Medio Rural as respectivas tarefas de inspección.

FONTE: NOVAS DA XUNTA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: