Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

30 nov 2010

Medio Rural coordina co sector productor as actuacións de control e erradicación do nematodo do piñeiro

A Consellería do Medio Rural ven de reunirse esta mañá con representantes da Mesa da Madeira co fin de dar conta das actuacións que se están realizando dende a Xunta para o control e erradicación da praga do nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) detectada no concello pontevedrés de As Neves.

A praga foi posta en coñecemento do sector que mostrou o seu apoio e colaboración para o tratamento da mesma. Dende a Consellería do Medio Rural estanse a desenvolver diversas medidas como a detección e declaración oficial do foco coa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia (o pasado 19 de novembro), a tala e queima das árbores en torno ao foco e a identificación catastral das parcelas nun radio de 1500 metros.

Na mesa, presidida polo director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, e a que tamén asistiu o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, e a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon, tamén se deu conta do inicio das visitas aos aserradeiros para control das existencias e a resolución do secretario xeral de Medio Rural, Jorge Atán Castro, instando á autoridade sanitaria a tomar todas as medidas necesarias.

Os representantes da Mesa da Madeira asistentes -Monte Industria, Cluster Madeira, Fearmaga, Asefoga, Organización Galega de C.M.V.M.C, Afrifoga, Silvanus, Asociación Forestal de Galicia, Serfoga, Asemfo-Galicia, Cis-Madeira, Frouma e Promagal/Promafe-, mostraron a súa conformidade e plena disposición para traballar conxuntamente na erradicación desta praga.

Polo momento a praga só afectou a un piñeiro, que xa foi talado. A madeira da zona está suxeita a limitación de movemento, de forma que só poida saír da zona con garantías de que se teña inactivado o nematodo mediante o tratamento térmico adecuado existente nalgunhas industrias da madeira.

Autoridade Sanitaria
Medio Rural tamén se reuniu onte, luns 29 de novembro, coa Autoridade Sanitaria Nacional, ente dependente do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino, para informarlles do plan de actuación e garantir a súa aprobación. Facilitando deste xeito a xestión dun expediente de solidariedade tendente á financiación das actuacións, na que debe participar Madrid e Bruxelas.

A presenza do nematodo do piñeiro nunca ata o de agora se detectara en Galicia, pero xa dende hai mais de dez anos (dende que fora detectado en Portugal, en 1999) se realizan, por parte da Xunta, mostraxes anuais nas masas forestais de especies de Pinus spp, para comprobar o seu estado fitosanitario respecto á presenza deste axente.

A Xunta está a actuar con celeridade no control e erradicación do nematodo do piñeiro en Galicia

A Xunta está actuar coa máxima celeridade no control e erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (nematodo do piñeiro), causante de importantes perdas nas masas de piñeiros e outras especies sensibles.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se declara oficialmente a presenza deste axente no territorio da Comunidade Autónoma e se concretan diferentes medidas para a súa erradicación, que o Goberno Galego ven aplicando para frear esta praga.

A presenza do nematodo do piñeiro nunca ata o de agora se detectara en Galicia, pero xa dende hai tempo (dende que fora detectado en Portugal, en 1999) se realizan, por parte da Xunta, mostraxes anuais nas masas forestais de especies de Pinus spp, para comprobar o seu estado fitosanitario respecto á presenza deste axente.

Como froito da execución desta prospección, detectouse o nematodo nunha mostra procedente dun piñeiro sito no concello das Neves, en Pontevedra. En cumprimento da normativa, unha vez confirmado este positivo polo laboratorio nacional de referencia, foi comunicado ao Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino (MARM).

Actuacións
Con esta resolución, declárase contaminado o foco referenciado e establécense diferentes zonas arredor do mesmo, nas que se realizarán as actuacións precisas para a erradicación do nematodo, así como as prospeccións sistemáticas co fin de determinar o alcance da enfermidade e a adopción de tódalas medidas fitosanitarias previstas na normativa comunitaria.

Ademais, establécese que a Consellería do Medio Rural, en coordinación co MARM, elaborará un plan de acción para a erradicación do brote co menor perxuizo posible aos intereses económicos dos silvicultores e dos valores ambientais e paisaxísticos.

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: