Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

21 abr 2010

APERTURA DA CONVOCATORIA DE AXUDAS DO PROGRAMA LEADER 2007-2013 DO GDR 17 CONDADO PARADANTA

Dende o 24 de Marzo do presente ano, tivo entrada no rexistro de  Grupo de Desenvolvemento Rural Condado-Paradanta a autorización da apertura da convocatoria de axudas do Programa LEADER, por parte de AGADER.

O prazo de presentación de solicitudes por parte de promotores privados e públicos rematará o 1 de setembro do 2013. As solicitudes presentaranse nas oficinas do Grupo, sitas no CENTRO COMARCAL A PARADANTA, R/ Silleda, s/n - A CAÑIZA (PONTEVEDRA).

As principais liñas de axuda do Programa son a dinamización do sector agrario e forestal, a mellora medioambiental e do contorno rural e a diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida.

O territorio de actuación do Grupo está formado polos concellos de: Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas.

Os detalles do Programa, atópanse na páxina web de AGADER (agader.xunta.es/EixoLeader.do)

20 abr 2010

Convocadas as subvencións a comunidades de montes veciñais en man común para a prevención de incendios forestais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe 12/04/2010 unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención e defensa contra os incendios forestais en comunidades de montes veciñais en man común e se convocan para o ano 2010.

Esta norma ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión destas subvencións para a posta en marcha de actuacións preventivas previstas na lexislación galega sobre incendios forestais. Trataríase de traballos de silvicultura preventiva que buscan minorar as consecuencias e os impactos negativos que os lumes poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, de grande importancia na nosa Comunidade, xa que supoñen aproximadamente un terzo da superficie forestal existente.

Nesta Orde establécense dúas liñas de subvención: Para o control selectivo de combustible e para a construción de puntos de auga. A superficie forestal mínima por expediente será de 250 hectáreas, pero se contempla a posibilidade de que as comunidades de montes formen agrupacións para acadala.

Condicións
Os interesados solicitarán as subvencións baixo determinadas condicións, entre elas a de presentar a solicitude e o resto da documentación antes de comezar as obras, mercar os equipamentos ou iniciar as construcións.

As solicitudes presentaranse preferentemente nos servizos de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais dos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural. O prazo será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte á publicación desta Orde no DOG. O orzamento previsto para financiar estas subvencións é de 2.400.000 euros, podendo ampliarse o crédito dispoñible chegado o caso.

Actividades
Entre as actividades subvencionables figuran as relativas ao control selectivo do combustible en áreas cortalumes e faixas auxiliares de pista, co fin de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas de descontinuidade. Tamén a construción de puntos de auga, que se localizarán en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais e que deberán cumprir unha serie de condicións canto a dimensións mínimas, peche perimetral de seguridade, acceso ou caudal. (VER TEXTO COMPLETO DA ORDE)

13 abr 2010

O DOG publica a orde de Medio Rural que regula as axudas para a identificación do gando equino

Santiago, 12 de abril de 2010.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á identificación do gando equino e se convocan para o ano 2010.

A normativa comunitaria e estatal establece que os titulares das explotacións gandeiras equinas teñen que identificar os animais e comunicar ás autoridades competentes os movementos do gando que se produzan na súa explotación mediante xustificación documental ou por medios informáticos. Con esta medida quérese contribuír á ordenación do sector equino en Galicia, de especial dificultade pola existencia dun importante número de cabalos mantidos no monte en réxime de liberdade ou semiliberdade.

As axudas que se convocan hoxe no DOG teñen por obxecto compensar os gastos derivados desa obriga legal de identificar o gando. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación.

Para a determinación do importe da axuda estimarase un custo máximo por animal identificado de 40 euros (IVE incluído). A axuda consistirá nun importe anual a tanto global, temporal e decrecente. Así, o importe será do 90% dos custos no primeiro ano de xestión da axuda, decrecendo ao 75%, 60% e 40% cada un dos anos seguintes ata a desaparición completa da mesma. A contía máxima poderá acadar os 10.000 euros por explotación ata o ano 2013.

Orzamento
Para 2010 o orzamento destas axudas –que están cofinanciadas polo fondo comunitario Feader, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e a Xunta– ascende a un total de 100.000 euros. O presuposto poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma.

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: