Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

1 feb 2011

O custe para a Xunta de erradicar o nematodo do piñeiro “non vai ser menor de sete millóns de euros”, segundo Juárez

Santiago, 1 de febreiro de 2011.- A completa erradicación do brote do nematodo do piñeiro detectado nun exemplar situado no concello pontevedrés das Neves, así coma os labores de control e contención do mesmo vai supoñer para a Administración Autonómica un custe que "non vai ser menor de sete millóns de euros", segundo a estimación feita esta mañá polo conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, antes da reunión do Consello Forestal de Galicia convocada para tratar este asunto.

O titular de Medio Rural fixo estes cálculos tendo en conta a "reparación das zonas nas que haxa que actuar, coa limpeza de restos de corta e as medidas profilácticas que hai que tomar". Juárez advertiu que "hai unha repercusión económica clara e a Xunta o que está tratando, xunto co sector, é que sexa a menor posible para o sector, asumindo a Administración a parte que lle corresponde dun xeito equitativo".

Repercusión
En relación coas posibles perdas económicas que poida causar este brote, o conselleiro advertiu que "nestes momentos tanto as autoridades sanitarias galegas como as nacionais e comunitarias coinciden en que, dadas as características do brote e tendo en conta a época do ano na que estamos, é posible valorizar o produto que existe na zona".

De feito, engadiu, "desde hai xa semanas estanse concedendo permisos de corta, os propietarios están vendendo a madeira e aquela que non se corte polos particulares na zona de 1,5 quilómetros arredor do foco vai ser obxecto dunha poxa pública que xa se está preparando; vai haber, pois, unha valorización do produto e as perdas vanse reducir de xeito notable".

Prezos
Preguntado sobre a presunta baixada de ata un 50% dos prezos da madeira na zona afectada, Juárez dixo que a Xunta non ten, neste momento, "ningún dato fiable ao respecto", para advertir a continuación que se están facendo ventas do produto por parte dos propietarios que así o decidiron e a industria nega estas baixadas.

O conselleiro quixo sinalar que "a cuestión dos prezos hai que tomala con moita precaución e nestes momentos cremos que o sistema que se adoptou é o máis equitativo para os propietarios, porque permite que eles fagan a erradicación pola súa conta e que a mesma se faga en tempo". Doutra banda, o titular de Medio Rural insistiu na necesidade de limpar a zona "antes de que cheguen as temperaturas máis altas, sendo importante que o labor se faga dun xeito transparente, que permita a todos non ter ningunha dúbida de que o procedemento é o mellor posible".
Samuel Juárez explicou que esta xuntanza do Consello Forestal de Galicia tivo como finalidade expoñer, por parte dos responsables da Xunta, as medidas tomadas desde o descubrimento do brote, as actuacións adoptadas ao longo dos últimos meses e as perspectivas neste momento.

Colaboración
Engadiu que "imos pedir a todo o sector a súa colaboración para conseguir este obxectivo e tratar entre todos que as cuestións e dúbidas que haxa se poidan ir delimitando e acordando co sector nun espírito de colaboración".

O conselleiro lembrou que está a piques de ser publicado no DOG un Decreto no que se declaran de utilidade pública as medidas de control deste brote e se definen todas as medidas que se van levar a cabo na zona.

Dixo ademais que a erradicación do foco xa se levou a cabo inmediatamente, no mes de novembro. Destruída totalmente a árbore infectada e as circundantes, neste intre están en marcha os traballos de corta por parte dos particulares e ampliouse de novo o prazo (ata o vindeiro 4 de febreiro) para a solicitude dos preceptivos permisos.

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: