Pontevedra, 01 de decembro de 2010.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu esta mañá unha reunión entre os responsables da Consellería de Medio Rural e os alcaldes de Salvaterra e As Neves, municipios afectados pola praga do nematodo do pino, unha praga á que se quere frear coa posta en marcha dun protocolo de actuación.
Precisamente este grupo de accións para erradicar a presenza deste nematodo na nosa comunidade autónoma é o que se vai explicar aos veciños destes dous municipios na reunión que os responsables da Xunta terán cos afectados o próximo venres día 10.
A este encontro estarán convidados os veciños que teñan nas súas propiedades piñeiros, cipreses ou abetos nas parroquias de Leirado, San Salvador e Meder de Salvaterra e Taboexa de As Neves. As reunións terán lugar ás sete na Casa da Cultura de Leirado de Salvaterra do Miño e as oito e media no centro cultural de Taboexa en As Neves
A maiores, a Consellería de Medio Rural tamén manterá un encontro este venres, día 2, na Delegación da Xunta en Pontevedra co sector da madeira para darlle traslado das medidas tomadas pola administración autonómica para frear a presenza do patóxeno e erradicalo de Galicia.
No encontro desta mañá os alcaldes de Salvaterra e As Neves foron informados da situación pola subdirectora xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, Patricia Ulloa, así como polos responsables da Xefatura Territorial de Medio Rural de Pontevedra.
Dende este departamento explicouse aos rexedores dos concellos onde se detectou o brote que as accións postas en marcha pola Xunta supuxeron o establecemento de dúas áreas de traballo, unha máis preto do punto no que apareceron os patóxenos e outra máis afastada de seguridade.
Deste xeito, a primeira das áreas suporá unha afectación dun quilómetro e medio arredor da área na que se localizou a praga e a segunda de 20 quilómetros.
Na primeira área faranse labores de erradicación e só poderán cortar os árbores os responsables da Consellería. Neste entorno veranse afectadas unhas 300 hectáreas de piñeiro. Na segunda área, denominada zona demarcada, todo o movemento de madeira estará baixo control "e neste punto necesitarase dun permiso especial da Xefatura Territorial de Medio Rural para poder facer os cortes das árbores", explicou Patricia Ulloa, "xa que a madeira seca debe ser destruída pero a verde aínda se pode utilizar sempre e cando sexa tratada e para iso están a levarse a cabo inspeccións nos aserraderos da zona para garantir que se conta co forno adecuado, xa que o parásito non pode sobrevivir á determinadas temperaturas".
A subdirectora xeral quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos responsables municipais, "xa que se está a traballar intensamente para erradicar esta praga e cremos que estamos a dar os pasos correctos neste senso. Non podemos esquecer que ésta é unha boa época climática para atallalo, xa que o insecto que trae consigo o nematodo non voa no tempo frío o que permitirá conter a praga".
FUENTE: CONSELLERIA DO MEDIO RURAL