Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

4 abr 2012

A Xunta presenta na Mesa da Madeira o borrador da orde que regulará os cultivos enerxéticos forestais en Galicia

Santiago, 3 de abril de 2012.- A Xunta presentou esta mañá na Mesa da Madeira o borrador da Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se regulan os cultivos enerxéticos forestais na Comunidade Autónoma e se crea o seu rexistro. Tamén se abordou nesta xuntanza o plan de control integral do Gorgullo do eucalipto.

Nesta xuntanza, presidida polo secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, deuse a coñecer este borrador co fin de analizar posturas e estudar posibles melloras. O obxectivo fundamental desta Orde non é outro que a regulación e o control da produción de cultivos enerxéticos forestais na nosa comunidade autónoma, tendo sempre presente que esta biomasa será producida expresamente con fins enerxéticos. Outros obxectivos que se perseguen son a diversificación enerxética, vantaxes ambientais e solucións aos problemas que conleva o cambio climático. Tamén beneficios socioeconómicos que contribúan de xeito palpable á mellora e modernización do tecido industrial, ao fomento do emprego e, en definitiva, ao desenvolvemento do rural galego.

Intimamente relacionado con este aproveitamento forestal atópase a prevención e defensa contra os incendios forestais. Neste senso, o control e retirada da biomasa vexetal con alto potencial combustible contribuirá a preservar as proximidades dos núcleos de poboación, conservar e restaurar a biodiversidade dos ecosistemas forestais e unha xestión sustentable dos nosos montes. Pero tamén se persegue unha diminución da dependencia enerxética exterior mediante o fomento e uso da biomasa como alternativa aos combustibles fósiles, o cal suporía un maior desenvolvemento e dinamización socioeconómica do medio rural galego.

Gorgullo do eucalipto
Nesta reunión tamén se abordou o plan de control integral do Gorgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus), levado a cabo pola Subdirección Xeral de Recursos Forestais. Nesta primavera, o departamento que dirixe Rosa Quintana incrementará nun 164% as soltas do parasito Anaphaes nitens -con respecto ao ano 2011- para reforzar a loita contra este insecto, que produce serias afeccións e que diminúen a capacidade madeireira do eucalipto.

A día de hoxe están xa colocadas unhas 1.600 bolsas das 4.500 programadas (máis do 30%) nun total de 1.002 puntos repartidos pola xeografía galega. Con estes datos estímase que se soltarán arredor de 1.250.000 individuos do parasito Anaphaes nitens. Ademais, a Xunta está a manter contactos coa Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (Aspapel) co fin de incrementar o número de bolsas a colocar. 

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: