O director xeral de Montes interviu esta mañá na mesa redonda sobre política forestal atlántica
Ávila, 25 de setembro de 2009.- O director xeral de Montes da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto Juanas, participou esta mañá na mesa redonda sobre política forestal atlántica desenvolvida no marco do V Congreso Forestal Español. O evento, que se celebra en Ávila desde o pasado luns ata hoxe, céntrase no tema Montes e sociedade. Saber que facer. O obxectivo do encontro é analizar a repercusión da globalización, do cambio climático e do cambio social nos modelos de xestión do monte.
No debate, Tomás Fernández-Couto abordou a relevancia do monte como motor e fonte de desenvolvemento económico e rural, insistindo na necesidade de definir instrumentos normativos que permitan impulsar a certificación forestal. O director xeral referiuse ao potencial que representa o aproveitamento do monte en Galicia, con 2 millóns de hectáreas de superficie forestal, unha vez superados os límites impostos pola grande atomización da propiedade. Neste sentido, avogou polo asociacionismo e a unión dos propietarios como vía para unha xestión sustentable e con garantías de futuro.
Ademais, na mesa redonda tratouse o papel que desenvolve o monte na loita contra o cambio climático e as novas demandas sociais para o uso dos espazos forestais como alternativas de lecer. O Congreso reuniu aos responsables das políticas forestais de todas as comunidades autónomas de España, que expuxeron o seu diagnóstico e visión de futuro en debates paralelos centrados nas zonas atlántica, interior e mediterránea e insular.
FONTE: NOVAS DA XUNTA
No hay comentarios:
Publicar un comentario