A Consellería do Medio Rural abordará a situación das reses mostrencas na Lei de Montes e nun Decreto que se está redactando.
O departamento que dirixe Samuel Juárez recorda que o 'Reglamento para la Administración y Régimen de Reses Mostrencas' é unha normativa de carácter estatal que data do ano 1905 e que, polo tanto, non lle corresponde a unha comunidade autónoma derrogala.
Non obstante, na regulamentación que se está a preparar, a Xunta prevé medidas de colaboración coas administracións locais que axuden a paliar e resolver a problemática suscitada, cando estes animais invaden propiedades alleas ou cultivos de distinto tipo. O propietario do animal ten a obriga de identificalo, pero é o propio concello quen ten a competencia directa de facerse cargo daqueles que non presenten identificación.
Entre tanto, Medio Rural puxo a disposición dos titulares de reses mostrencas, unha importante liña de axudas iniciada no 2010 que practicamente sufragan os custos da implantación dos microchips.
Prevención
O cabalo destaca por ser capar de colaborar no desbroce do monte e, polo tanto, na prevención de incendios forestais. Estas virtudes non están exentas dunhas obrigas por parte dos propietarios, en relación coa identificación. Por este motivo, véñense realizando inversións por parte da Xunta de Galicia nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común para a execución de cercados, puntos de auga, accesos, pasos canadenses que permitan manter aos cabalos confinados en espazos onde poidan manifestar as súas potencialidades.
A necesidade de regular este sector animal conleva velar polas necesidades dos concellos e pola dos propietarios. Deste xeito, a Xunta tamén pretende manter ese carácter patrimonial e cultural que levan consigo a figura destes animais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario