Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

14 mar 2013

A Parroquia de Parada de Achas, na Cañiza, inaugura o seu primeiro sendeiro federado, o PR –G 165, Sendeiro das Fragas e Levadas do Calvo e Deva.

O venres, día 8, no lugar de A Ponte, en Parada de Achas, A Cañiza, a Asociación de Veciños de Parada (Paradanta) e a Comunidade de Montes de Parada de Achas celebran o acto inaugural do Sendeiro das Fragas e Levadas do Calvo e Deva. 


Este sendeiro, cun recorrido circular de 18 Km. polo val de Parada, máis unha derivación de 6,2 km. pola serra, representa a culminación dun esforzo de 3 anos dos veciños de Parada. 

O sendeiro, de dificultade media, ten a peculiaridade de que no seu percorrido conduce ao camiñante por tres ecosistemas diferentes: as fragas do Calvo e do Deva, un bosque de sobreiras e un bosque de piñeiro silvestre típico de media montaña. Tres hábitats diferenciados nun mesmo percorrido. Ademais, para deseñalo, os veciños recuperaron vellos camiños xa en desuso, vellas corredoiras de pedra, pasando ao lado de antigos muíños e por históricas levadas... isto fíxose recorrendo aos máis maiores da parroquia para que indicaran esas vellas sendas. 

 Este proxecto, no que participou activamente unha parte moi importante dos veciños é unha maneira de dinamizar a parroquia de Parada de Achas, de grande riqueza paisaxística, e por extensión o Concello da Cañiza. 

 A Fraga do Calvo, Espazo Natural de Interese Local, con un souto centenario con árbores de formas sorprendentes, é unha zona case virxe e chea de lendas, con un delicado ecosistema onde habitan especies protexidas. A Fraga do Deva, e un bosque de ribeira, onde a auga nos pasea por levadas, poldras, muíños e fervenzas. O Sobreiral, un bosque atípico en Galicia, destaca pola súa extensión, máis de 4 hectáreas, e bo estado de conservación. 

 Entre outros espazos recuperados están o do antigo campo da feira da parroquia, O Feirón; o vello Camiño de Defuntos; o Camiño da Raíña... Ademais de destacar elementos patrimoniais e arquitectónicos como pazos, igrexas, petos de ánimas, canastros, muíños, corredoiras de pedra... 

 Os interesados en descubrir este sendeiro poden recabar información nas seguintes ligazóns: http://www.youtube.com/watch?v=PbBPeEZu7Es Facebook.com/pages/As-Fragas-e-Levadas-do-Calvo-e-Deva 

 FONTE: ELFORODIGITAL

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: