Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

13 abr 2015

PRORROGA DO NEMATODO

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2015, da Secretaria Xeral do Medio Rural e Montes, pola que se prorrogan os traballos de seguimento e control na zona demarcada e na zona tampón dos 20 quilómetros do territorio declarado en corentena polo Bursaphelenchus xylophilus, segundo a Resolución do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.

Antecedentes.

1. Con data do 23 de febreiro de 2006 publicouse no Diario Oficial de la Unión Europea a Decisión 2006/133/CE da Comisión, do 13 de febreiro, pola que se esixe aos Estados membros que adopten, con carácter temporal, medidas complementarias contra a propagación de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (NMP) no que respecta a zonas de Portugal distintas daquelas nas cales se comprobara a súa ausencia.

2. Con data do 26 de novembro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 17 de novembro de 2010, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación.

En aplicación da citada resolución e de cara a facer efectiva a erradicación do dito organismo de corentena, a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria publicou o Anuncio do 17 de decembro de 2010 polo que se dá publicidade ao inicio da execución das medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena.

3. Mediante o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, declárase de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus e ordénanse as medidas para evitar a súa propagación.

Neste decreto, o artigo 18.2 establece que as medidas adoptadas serán realizadas polos titulares do aproveitamento nos prazos sinalados pola normativa de aplicación. Se non se adoptasen nos ditos prazos, a Administración poderá proceder á súa execución de forma subsidiaria.

No artigo 20.1 di que no caso de desistencia do propietario de realizar as tarefas de erradicación, ou ben porque se teñan decretado de utilidade pública os traballos de erradicación, a Administración realizará os traballos silvícolas con medios propios ou mediante contratos con empresas do sector.

4. En desenvolvemento do anterior decreto, ditouse a Orde do 22 de marzo de 2012 pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus, que ten por obxecto establecer no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia medidas que se deben adoptar nas cortas e movementos de vexetais ou material procedentes de plantas sensibles ao nematodo do piñeiro para evitar a expansión da praga do B. xylophilus nas zonas demarcadas ou fóra delas.

5. A Food and Veterinary Office (FVO), que é o organismo competente dentro da Dirección Xeral de Saude e Consumidores da Comisión Europea para a realización de auditorías e inspeccións para asegurar o cumprimento da lexislación europea sobre sanidade vexetal, realizou, desde a detección do foco das Neves no ano 2010, varias auditorías con vistas a avaliar a situación, as medidas e os controis efectuados relativos ao Bursaphelenchus xylophilus (NMP) na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas auditorías abranguen as inspeccións do territorio para detectar a presenza do NMP, as medidas de erradicación aplicadas cando se detectou o NMP, a vixilancia dos traslados de material sensible dentro e fóra das zonas demarcadas, a supervisión das instalacións autorizadas para efectuar tratamento térmico e dos produtores de embalaxes de madeira para a marcación.

6. A Decisión 2012/535/UE de execución da Comisión, do 26 de setembro, relativa ás medidas de emerxencia para evitar a propagación na Unión de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nematodo da madeira do piñeiro), establece as medidas de erradicación e control que se deberán adoptar nas zonas demarcadas, e deixa sen efecto a Decisión 2006/133/CE da Comisión, do 13 de febreiro.

As medidas de erradicación que se deberán adoptar nestas zonas serán as de prospección e eliminación de árbores de plantas sensibles que mostren síntomas de estar afectadas polo organismo, e procederase á destrución inmediata por incineración en lugares adecuados ou conversión en estelas, para seren trasladadas baixo control oficial ás instalacións industriais para a utilización enerxética. A decisión establece que para garantir o logro da erradicación cando sexa posible, os Estados membros deberán aplicar medidas de erradicación durante catro anos, como mínimo.

7. O informe final da última auditoría efectuada en Galicia pola FVO en maio de 2014 (DG(SANCO) 2014-7195) establece que a autoridade competente deberá garantir con eficacia o cumprimento da execución de todas as medidas establecidas na Decisión 2012/535/UE.

Consideracións legais e técnicas:

1. O artigo 14 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, habilita a Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar algunha das medidas fitosanitarias establecidas no artigo 18 da dita lei, o que implica a facultade de desinsectar, desinfectar, inmobilizar, destruír, transformar ou someter a calquera outra medida profiláctica os vexetais e os seus produtos, así como o material con eles relacionado que sexa ou poida ser vehículo de pragas (artigo18.b).

2. A disposición derradeira única da Orde do 22 de marzo de 2012, pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus, establece que a vixencia das medidas adoptadas na orde será de tres anos desde a súa publicación, agás que se detecten novos focos, caso en que se podería prorrogar por períodos anuais mediante resolución do secretario xeral do Medio Rural e Montes.

Aínda que a vixencia inicial das medidas establecidas na Orde do 22 de marzo de 2012 era de tres anos, período no cal se prevía rematar os traballos de erradicación da enfermidade, á vista dos informes de auditoría da FVO, que poñen de manifesto a existencia de zonas con exemplares sintomáticos nos territorios afectados, procede prorrogar a vixencia das medidas establecidas nesta orde co fin de garantir a eficacia na erradicación do patóxeno.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Prorrogar durante un ano a vixencia das medidas fitosanitarias establecidas na Orde do 22 de marzo de 2012 co obxecto de erradicar o organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (NMP).

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderán as persoas interesadas interpor recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2015

Tomás Fernández-Couto Juanas
Secretario xeral do Medio Rural e Montes

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: