Santiago, 12 de abril de 2010.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á identificación do gando equino e se convocan para o ano 2010.
A normativa comunitaria e estatal establece que os titulares das explotacións gandeiras equinas teñen que identificar os animais e comunicar ás autoridades competentes os movementos do gando que se produzan na súa explotación mediante xustificación documental ou por medios informáticos. Con esta medida quérese contribuír á ordenación do sector equino en Galicia, de especial dificultade pola existencia dun importante número de cabalos mantidos no monte en réxime de liberdade ou semiliberdade.
As axudas que se convocan hoxe no DOG teñen por obxecto compensar os gastos derivados desa obriga legal de identificar o gando. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación.
Para a determinación do importe da axuda estimarase un custo máximo por animal identificado de 40 euros (IVE incluído). A axuda consistirá nun importe anual a tanto global, temporal e decrecente. Así, o importe será do 90% dos custos no primeiro ano de xestión da axuda, decrecendo ao 75%, 60% e 40% cada un dos anos seguintes ata a desaparición completa da mesma. A contía máxima poderá acadar os 10.000 euros por explotación ata o ano 2013.
Orzamento
Para 2010 o orzamento destas axudas –que están cofinanciadas polo fondo comunitario Feader, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e a Xunta– ascende a un total de 100.000 euros. O presuposto poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario