Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

26 jul 2010

Medio Rural apoia a identificación do gando equino con axudas á instalación de microchips e persoal técnico cualificado

O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado polo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, acudiron ao Pazo de Quián en Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, para a presentación do sistema de identificación equina e a sinatura dun convenio sobre o mesmo.

A tal efecto, a Consellería do Medio Rural e o Consello Galego de Colexios Veterinarios asinaron un convenio para a identificación de gando equino, convenio que rubricaron o propio conselleiro Samuel Juárez, e o presidente do devandito Consello, José Eugenio Rey. No acto tamén estivo presente o director do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, Jesús Ortega. O acordo entre Medio Rural e o Colexio de Veterinarios establece pautas de colaboración en materia de identificación equina.

Para dar mostra disto procedeuse á identificación equina completa in situ, no Centro de referencia de Razas Equinas de Galicia, sobre un exemplar coa correspondente explicación técnica sobre este sistema. Un dos obxectivos que ven perseguindo Medio Rural durante o primeiro ano desta lexislatura é a identificación deste tipo de gando, principalmente os cabalos de monte, polos problemas que estes poden ocasionar ao non estar identificados, o que impide localizar e sancionar aos seus propietarios por prácticas indebidas.

Axudas
Por iso, a Consellería do Medio Rural estipula necesario que cada cabalo dispoña dun microchip e unha marca visual, que pode consistir nun botón auricular ou nun brazalete colocado nas patas dianteiras. No caso do dispositivo electrónico a Consellería habilitou o pasado mes de abril unha liña de axudas para compensar os gastos derivados da obriga legal de identificar o gando. O importe da axuda estimouse nun custo máximo por animal identificado de 40 euros (IVE incluído) e o orzamento total destas axudas –que están cofinanciadas polo fondo comunitario Feader, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño e a Xunta– ascende a 100.000 euros.

Mediante estas medidas a Consellería quere contribuír á ordenación do sector equino en Galicia, de especial dificultade pola existencia dun importante número de cabalos mantidos no monte en réxime de liberdade ou semiliberdade.

Normativa vixente

A normativa vixente obriga a identificación dos équidos de crianza e rendemento por parte dos seus propietarios antes de que transcorran seis meses dende o nacemento do animal ou antes do 31 de decembro do ano do seu nacemento; coa excepción daqueles animais mantidos en explotacións extensivas en liberdade que poderán ser identificados antes de que cumpran os 18 meses.

O sistema de identificación efectuarase mediante a aplicación dun transpondedor ou microchip sobre o animal que será posto polo persoal facultativo veterinario autorizado pola Consellería, con previa proposta do Colexio de Veterinarios. O Colexio de Veterinarios xestionará a adquisición dos transpondedores electrónicos homologados por Medio Rural.

Rexistro
Deste xeito, créase o Rexistro Galego de Explotacións Equinas no que se manexarán datos como a especie, sexo e raza do animal, país de nacemento, aptitude para o consumo humano e o nome e enderezo do seu titular, entre outros. 

FONTE: CONSELLERIA DO MEDIO RURAL

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: