Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

20 mar 2011

Medio Rural incentiva a identificación do gando equino en réxime de liberdade ou semiliberdade con axudas aos seus propietarios

A Consellería do Medio Rural está incentivando por segundo ano consecutivo unha liña de axudas á identificación de gando equino dos montes galegos, incidindo na obriga de que todos estean identificados. Esta é unha das medidas que está a levar a cabo o departamento que dirixe Samuel Juárez ante os problemas que están a crear en distintos concellos de Galicia este tipo de gando.

Nesta liña, Medio Rural dispón de axudas que ascenden a 100.000 euros, subvencionando a colocación do dispositivo electrónico de identificación cun máximo por animal identificado de 40 euros, podendo alcanzar a mesma a contía de 10.000 euros por explotacións extensivas de équidos en liberdade ata o ano 2013.

Danos a terceiros
Os argumentos a favor da identificación deste tipo de gando ten a súa base nunha primeira casuística nos danos que causan a terceiros, irrompendo sen control en pastos alleos ou estradas.

A ausencia desta identificación provoca a imposibilidade de localizar aos donos do animal, polo que a Consellería do Medio Rural busca con esta medida evitar este tipo de situacións e colaborar cos concellos, que son a administración directamente competente no control das reses mostrencas e dos animais soltos.

Doutra banda, estase producindo o incumprimento da lei en materia de benestar animal, mediante a utilización de cepos que dificultan a mobilidade dos cabalos.

Neste senso, o departamento que dirixe Samuel Juárez colabora a través dos axentes de Conservación da Natureza, coa tramitación das denuncias correspondentes. Unha actuación sobre a que teñen responsabilidade tamén os concellos e resto de autoridades públicas.

Cambios normativos
A Consellería estuda así mesmo a posibilidade de introducir na Lei de Montes cambios normativos para facilitar a tódalas autoridades o control destes animais, especialmente cando aparecen en sitios que prexudican a terceiros.

A normativa vixente contempla que os concellos, unha vez localizado o animal, dispoñen de 15 días de espera ata proceder a poxa do mesmo ou ao seu envío ao matadoiro.

Co cambio normativo que propón Medio Rural non sería preciso esperar este prazo, o que axilizaría os trámites á vez que o faría menos custoso para as administracións e consecuentemente para os cidadáns.

Problemática xeral
A situación actual é que existen numerosos propietarios que non queren asumir a responsabilidade que supón a identificación do gando, impedindo así aos concellos a localización e a correspondente tramitación das sancións pertinentes ao propietario. 
Polo tanto trátase dunha problemática xeral que esixe a colaboración de tódalas administracións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: