A Xunta aprobou axudas para a identificación de gando equino co obxectivo de facilitar e reducir os custes desta tarefa, que é unha obriga legal establecida pola normativa comunitaria, estatal e galega (xa desde o ano 2008) herdada polo actual Goberno Galego.
Así o explicou hoxe o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, en resposta ás preguntas dos medios de comunicación sobre o anuncio da posible suspensión de varios curros na nosa Comunidade, a causa dos custes que representa a identificación dos cabalos. Advertiu que cumprir esta norma "non ten porque supoñer a suspensión" de rapas, unha decisión que en todo caso –precisou– corresponderá aos seus organizadores e engadiu que "imos manter contacto con estas asociacións e a seguir traballando para que tódolos donos de cabalos poidan cumprir coa lexislación".
Regulación desde 2008
En Galicia esta cuestión está regulada especificamente polo Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos co servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.
No ámbito da Unión Europea, o Regulamento (CE) 504/2008 da Comisión prescribe a obrigatoriedade de identificar aos équidos con transpondedores electrónicos ou marcas alternativas. Por último, no contexto español o Real Decreto 1515/2009 establece tamén que os animais destinados a abasto nados en explotacións de produción e reprodución poderán identificarse con marcas electrónicas.
O conselleiro do Medio Rural explicou que as axudas da Xunta son unha "medida moi xenerosa" e cobren unha alta porcentaxe do custo da identificación, que acada o 90% do total no primeiro ano de xestión da subvención, decrecendo logo paulatinamente ao 75, 60 e 40% cada un dos exercicios seguintes, ata o remate da mesma.
O conselleiro precisou tamén, en relación cos custes da identificación, que non é correcto afirmar que chegan aos 40 euros por animal, senón que ese é o custe máximo estimado para a determinación das axudas, sendo normalmente inferior o custe total, especialmente cando se xuntan varios exemplares para a súa identificación. Medio Rural destina este ano un orzamento total de 100.000 euros para estas axudas, cuxa contía máxima poderá acadar os 10.000 euros por explotación ata o ano 2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario