Novas da Consellería do Medio Rural e do Mar

25 nov 2009

O director xeral de Conservación da Natureza clausurou o ciclo de conferencias Impactos ambientais: os bosques galegos

O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón Millán, clausurou esta tarde no salón de actos da Deputación de Lugo o ciclo de conferencias "Impactos ambientais: Os bosques galegos", celebrado en memoria do doutor Luis Asorey García. O relatorio de García-Borregón abordou o tema dos bosques nos espazos protexidos de Galicia. Na charla, o director xeral desenvolveu tres temas principais: A representación dos bosques no conxunto galego; a conservación da diversidade biolóxica e os eixos da política de Conservación da Natureza da Xunta. Este último punto resumiuno noutras tres liñas básicas de actuación: Conservación da biodiversidade; conservación e xestión dos espazos naturais protexidos e caza e pesca.

Evolución da superficie arborizada
Segundo explicou o director xeral, nos albores do pasado século vinte a superficie arborizada en Galicia non alcanzaba o 10% do total do territorio continental da Comunidade Autónoma. As políticas forestais e conservacionistas desenvolvidas ao longo dese século determinan que, na actualidade, as formacións arboradas ocupen un 36,4% da superficie galega, das cales o 11,20% corresponde a bosques naturais e o resto a superficies repoboadas. Ricardo Garcia-Borregón engadiu que a superficie ocupada por bosques naturais en Galicia estímase en 331.288 hectáreas, concentradas maioritariamente nas provincias de Lugo (163.965 ha) e Ourense (93.863 ha). Os diversos tipos de bosques amosan unha forte fragmentación territorial, quedando as áreas con maior cobertura concentradas na cunca do río Eume (na provincia da Coruña) e nas montañas dos Ancares e O Courel, na de Lugo. O titular de Conservación da Natureza destacou ademais que a superficie arborizada en Galicia concéntrase maioritariamente –a semellanza do que ocorre no resto da Unión Europea– en terreos de propiedade privada. Así, na nosa Comunidade a superficie forestal (que representa o 68,7% da área continental) distribúese entre propietarios privados nunha porcentaxe do 46,7%, mentres que a montes veciñais corresponde o 20,5% e a montes públicos só un 1,5%.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O TEMPO NOS NOSOS MONTES: